Back to Top
Videopoe…que? Crofunding? Crowdfaunding?

A semana pasada presentamos a campaña de micromecenado de Versogramas na Linda Rama. Non puideches vir? Contámosche o que te perdiches:

Para comezar, explicamos o significado de dous “palabros” que aínda sorprenden: videopoesía e crowdfunding. Videpoe…que? Crofundin? Crowdfaunding? Crowfunding? (Cri-cri…)

Quen coñecedes Versogramas ben sabedes que a videopoesía, ese novo-non tan novo xénero artístico, é un formato de expresión que traslada a atmosfera dun poema mediante a linguaxe audiovisual, mesturando imaxe, palabra e son, ao formato vídeo.

E o crowdfunding, esa palabra máis difícil de deletrear que supercalifragilísticoespialidoso, é un sistema de micromecenado. Significa literalmente financiamento (funding) da multitude (crowd). É un xeito de sacar adiante un proxecto grazas á achega previa de persoas interesadas, ben mediante donacións, ben mediante a adquisición previa do produto en si ou de recompensas relacionadas co mesmo. Coma os mecenas daquela, vaia.

Unha vez aclaramos conceptos co público asistente, na pantalla da ateigada Linda Rama proxectamos videopoemas, desgranamos detalles das recompensas, ensinamos o funcionamento de Verkami, e… ata fixemos unha conexión en directo!

crowdfunding versogramas videopoesia

Eduardo Yagüe, un dos videopoetas que entrevistaremos no documental, conectouse dende Estocolmo para saudar aos presentes, falar da súa concepción da videopoesía e animar a todo o mundo a participar neste primeiro documental do mundo sobre o xénero da videopoesía. Nas súas propias palabras, un proxecto necesario, ambicioso e precioso, que xa estaba tardando en aparecer! Gracias, Eduardo!

Así que xa sabes, para facerlle caso a Eduardo e apoiar Versogramas lembra que hai dúas maneiras ben fáciles:

1- Contribúe coa túa achega, se non o fixeches xa, para conseguir as orixinais recompensas que preparamos.

2- Comparte a ligazón vkm.is/versogramas entre o teu círculo de amizades. Canto máis difundamos o proxecto, a máis persoas poderemos chegar, e máis facilmente conseguiremos o obxectivo de financiamento.