Back to Top
Versogramas e Vértice de Versos, en Santiago de Compostela

PROXECCIÓN DOS DOCUMENTAIS VERSOGRAMAS E VÉRTICE DE VERSOS, COMO ARRANQUE Á SELIC

Este xoves 31 de maio ás 20:30h no Teatro Principal de Santiago de Compostela, terá lugar a proxección conxunta de Versogramas (de Belén Montero) e Vértice de Versos (de Carlos Lorenzo). Ambos documentais, estreitamente relacionados coa poesía, proxéctanse o día previo á SELIC como arranque para esta concorrida cita literaria.

 

Versogramas ofrece un achegamento ao panorama internacional da videopoesía, desde unha perspectiva galega, de man de videopoetas como Yolanda Castaño, Antón Reixa ou Iria Pinheiro. Versogramas contén entrevistas a 14 videopoetas internacionais e fragmentos das súas pezas, xunto coas doutros 19 videopoetas máis de diversos recunchos do globo. Esbozos de definicións sobre videopoesía en experimental completan o tecido do documental. A súa premiere mundial tivo lugar en NUDO Festival de Poesía Visual (Barcelona). Logo do seu paso polo Festival de Cans (O Porriño), continúa a súa andaina por festivais.

 

Versogramas está considerada a primeira longametraxe documental sobre o xénero da videopoesía. Parte dunha idea orixinal de Celia Parra, tamén produtora executiva do documental, conta coa dirección de Belén Montero, a co-dirección de Juan Lesta, a música de Isaac Garabatos, e a produción de Esferobite.

Conta coa axuda de AGADIC, a participación da Televisión de Galicia, a produción asociada de Amanita Films, Pixel Films e Celia Parra. Colaboran: Fundación Luís Seoane, Fundación Cidade da Cultura, Fundación Paideia, Concello da Coruña, Fundación Uxío Novoneyra, Museo Mac Gas Natural Fenosa e Editorial Galaxia, que vén de publicar libroDVD co documental e contido extra, dentro da colección Libro-Cinema.

Á presentación acodirán: Belén Montero (directora), Celia Parra (produtora executiva), Isaac Garabatos (compositor da banda sonora orixinal) e, en nome da Editorial Galaxia, Ismael Ramos (Responsable de Novos Proxectos).

 

Ao remate da proxección poderá adquirirse o libroDVD Versogramas, unha coidada edición, enmarcada na colección Libro-Cinema da Editorial Galaxia. Contén diversos textos arredor de Versogramas: un achegamento ao proxecto transmedia dende a súa concepción ata o momento actual (por Celia Parra), unha reflexión sobre as interconexións de poesía e cinema (por Antía Otero), un relato do proceso de creación do documental desde a perspectiva da directora (por Belén Montero) e un percorrido pola ampla traxectoria de Juan Lesta e Belén Montero (por Manolo González). Fotografías da rodaxe, do attrezzo e fragmentos do guión entretécense cos textos. Ademais, preséntase un breve perfil bio-bibliográfico dos e das videopoetas entrevistadas no documental. Completa a publicación, como non podía ser doutro xeito, o DVD co documental, na súa versión galega, acompañado de varios contidos adicionais.

 

Por parte de Vértice de Versos, acodirá o director Carlos Lorenzo. Vértice de Versos é unha longametraxe documental na que se repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético de Galicia. É un proxecto audiovisual que presta atención ao valor didáctico que permite coñecer a principal fonte literaria galega.

É a primeira vez que un documental se adentra na poesía galega, descubrindo a súa historia, contando a revolución literaria dos 90 e coñecendo como están sendo as novas formas de expresión poética. Unha nutrida xeración de poetas de Galicia chaman a atención pola calidade das súas creacións. Moitos dos seus poemas traspasan as nosas fronteiras traducidos a outras linguas. Críticos, editores e o propio colectivo de escritores e escritoras explican o que pasou nos últimos 25 anos neste vértice xeográfico. Coñecer de preto a poetas como Yolanda Castaño, Baldo Ramos, Emma Pedreira ou Gonzalo Hermo axuda a comprender esta situación.

 

O pase será ás 20:30h no Teatro Principal. Entrada libre ata completar capacidade.

Contacto Versogramas: [email protected] / +34 690 33 12 74 – Celia Parra www.versogramas.com

Contacto Vértice de Versos: [email protected] / +34 609 32 86 57 – Carlos Lorenzo  http://carloslorenzo.gal/verticedeversos/