Back to Top
Versogramas no Festival dos Eidos

Volvemos ao Festival dos Eidos a proxectar Versogramas! Despois de amosar un pequeno adianto da montaxe durante a pasada edición do Festival dos Eidos, este ano regresamos ao Courel para proxectar o documental completo.

Será o xoves 23 de agosto a partir das 16:30h, en Parada do Courel. Primeiro terá lugar o pase de Vértice de Versos, un documental de Carlos Lorenzo arredor da poesía galega actual. A continuación, e a partir das 17.30h, proxectaremos a versión inglesa de Versogramas, presentada por Celia Parra.

Na propia casa do poeta Uxío Novoneyra haberá un espazo-libraría onde poderedes adquirir os libroDVD Versogramas editados pola Editorial Galaxia, que conteñen un DVD co documental e máis varios textos arredor do proxecto.

A videopoesía estará moi presente nesta edición do Festival dos Eidos, sobre todo os primeiros días, máis enfocados ao público internacional. Haberá proxección de videopoemas por parte do Winter Warmer Festival e Ó Bhéal Poetry Film Competition, un dos certames de videopoesía claves a nivel internacional.

Organizado pola Fundación Uxío Novoneyra, e co patrocinio da Deputación de Lugo, o Festival dos Eidos acadou o Galardón EFFE (Europe for Festivals Festivals for Europe) que concede a Asociación Europea de Festivais aos eventos que representan boas prácticas no eido da creatividade, o social e o ambiental.

Entre o 22 e o 26 de agosto, poesía, música, teatro, divulgación e natureza congregarán a case un centenar de artistas entre as localidades de Parada, Seoane, Moreda e Paderne. Moi agradecidas de formar parte!