Back to Top
Todo hace el amor con el silencio – Hernán Talavera

Hernán Talavera é un artista plástico e videocreador profundamente ligado á expresión poética, da que se nutre para moitos dos seus traballos. En “Todo hace el amor con el silencio” realiza un suxerente videopoema a partir de textos da fantástica poeta arxentina Alejandra Pizarnik.

A infancia perdida, a noite, a memoria e a morte percorren a atmosfera dos poemas de Alejandra Pizarnik. Falan da memoria como a máis cálida parada para o repouso da infancia, agora morta, que só alí pervive. Unha supervivencia triste, bañada de cinzas e desterro, pero tamén de amor.

Á hora de trasladar estes conceptos a vídeo, Hernán Talavera optou polo emprego de película antiga, que lembra ás primeiras filmacións da “infancia” do cine. Isto podería supoñer un exercicio de metalingüística, falar da memoria do xénero fílmico desde o propio xénero fílmico. Como suxeitos, nenas sorrintes e despreocupadas nadando, xogando, sorrindo. Branco e negro, gran e imperfeccións, imaxe muda e ruído de proxector forman a textura deste videopoema, que Hernán acompaña dun leve ambiente sonoro. Unha combinación de elementos acertada, onde todos cumpren a súa función como complemento do texto e conseguen unha peza delicada, íntima e intrigante.