Back to Top
Que é unha pre-campaña?

Moitos e moitas nos preguntades: pero que é iso da pre-campaña? É xa un crowdfunding? Vai haber máis recompensas? Para que estades facendo iso?

É normal que xurdan dúbidas respecto a este proceso, ben coñecido entre a comunidade crowdfunding pero quizais non moi desenvolvido en España. Como queremos que todos e todas esteades ao tanto, velaquí vai unha pouca info para resolver estas cuestións.

A pre-campaña é un aviso previo do próximo lanzamento dunha campaña de crowdfunding. Esta comunicación faise co obxectivo de ter á comunidade seguidora do proxecto informada, para que a noticia non lles colla por sorpresa. Concentramos pois nunha páxina a información relevante sobre o que está por vir, e animamos ás persoas interesadas a deixarnos o seu correo. No caso de Versogramas, esta ligazón é versogramas.com/landing. Alí veredes tres das recompensas que ofreceremos, pero hai moitas máis. Estamos xa anunciándoas en redes sociais, estade pendentes!

O martes 18 de abril iniciamos a campaña de crowdfunding. Mandaremos un email a todas as persoas apuntadas, avisando do lanzamento e compartindo a ligazón á plataforma de micromecenado na que poden realizarse achegas. Hai recompensas limitadas, así que é importante enterarse pronto! Pola nosa parte, deste xeito esperamos concentrar a atención da nosa comunidade e acadar un maior número de achegas, para cumplir pronto o obxectivo de financiamento e que o proxecto saia adiante.

Por se estades preocupados de recibir spam: Non seremos nada pesados, prometido! Informaremos puntualmente do inicio da campaña, a consecución de fitos de financiamento, e se queredes, poderedes tamén seguir as actualizacións que fagamos no blog da campaña.

Versogramas é un documental que pretende achegar a videopoesía non só á comunidade de videopoetas e amantes do xénero, un círculo  xa moi activo. Sobre todo, queremos compartir con todo o mundo a nosa paixón pola videopoesía, promover en vós a tamén a descuberta e o abraio. Para iso precisamos da vosa colaboración. Por favor, compartide versogramas.com/landing entre o voso círculo, contribuíde na medida das vosas posibilidades cando lancemos a campaña e difundide a mensaxe, que a videopoesía chegue a todos os recunchos da rede!