Back to Top
Presentación libro DVD Versogramas no Festival Internacional Kerouac

Temos xa data para a presentación do libro DVD Versogramas, publicado por Editorial Galaxia!

Será o sábado 6 de outubro a partir das 19:30h na Terraza de El Corte Inglés – Vigo, e formará parte da programación do Festival Internacional Kerouac de Poesía e Performance. Tratarase dunha presentación áxil e amena na que poderás coñecer ao editor Francisco Castro, de Galaxia, e a parte do equipo do documental: Belén Montero, Juan Lesta e Celia Parra. Como petisco audiovisual, proxectaremos o tráiler de Versogramas.

O Festival Internacional Kerouac traballa para converter á poesía en tendecia e exponente cultural da cidade de Vigo. É unha cita moi especial para ver e escoitar diferentes expresións artísticas de carácter poético: performances, recitais de poesía en ferry pola ría, en coche polas rúas, en bares, en galerías, en institutos, en centros comerciais… Logo de establecer unha ponte poético-aérea con Nova York, onde se celebraron varias edicións satélite do festival, traerá este ano a Vigo a poetas da talla de Bob Holman (fundador do Bowery Poetry Club).

Este libroDVD Versogramas é unha coidada edición, enmarcada na colección Libro-Cinema da Editorial Galaxia. Contén diversos textos arredor de Versogramas: un achegamento ao proxecto transmedia dende a súa concepción ata o momento actual (por Celia Parra), unha reflexión sobre as interconexións de poesía e cinema (por Antía Otero), un relato do proceso de creación do documental desde a perspectiva da directora (por Belén Montero) e un percorrido pola ampla traxectoria de Juan Lesta e Belén Montero (por Manolo González).

Fotografías da rodaxe, do attrezzo e fragmentos do guión entretécense cos textos. Ademais, preséntase un breve perfil bio-bibliográfico dos e das videopoetas entrevistadas no documental. Completa a publicación, como non podía ser doutro xeito, o DVD co documental, na súa versión galega, acompañado de varios contidos adicionais.

Lembrade que o libroDVD Versogramas xa se atopa á venda nas librarías do país. Tamén poderedes adquirilo o propio día da presentación no propio Corte Inglés de Vigo e mesmo levar un exemplar asinado polo equipo.

 

Vémonos en Vigo!