Back to Top

Estamos moi felices de anunciar que a Premiere mundial de Versogramas será en NUDO – Festival de Poesía Visual (Barcelona), o vindeiro venres 20 de abril.

NUDO é un encontro poético anual en Barcelona que celebra os vínculos insospeitados entre os seres e as cousas, entre as ideas e as formas. Xustiño como fai a videopoesía, que será de feito unha das grandes protagonistas do festival: un foco en Lola López-Cózar (tamén presente en Versogramas), un pase de videopoemas comisariado polo festival de videopoesía arxentino Videobardo, a proxección dos seleccionados no Maldito festival de videopoesía do pasado ano (cuxo gañador foi Hernán Talavera, entrevistado en Versogramas)… É un gusto estrear mundialmente Versogramas en tan boa compañía.

O noso documental (dirixido por Belén Montero, codirixido por Juan Lesta, con música de Isaac Garabatos) está considerado o primeiro do mundo en abordar o panorama internacional da videopoesía. Agardamos que esta sexa a primeira de moitas paradas, e que poidamos contribuír á difusión e consolidación da videopoesía (xunto co traballo dos seus autores e autoras) a nivel internacional.

A proxección de Versogramas terá lugar o venres 20 de abril ás 18:30h no Centre Cívic Pati Llimona, dentro da programación de NUDO. Acudirán a presentalo e charlar convosco a directora Belén Montero e Miriam Reyes, unha das videopoetas integrantes do documental. Agradecemos especialmente a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística nesta proxeción. Estades convidadas e convidados!