Back to Top
Premiere Internacional de Versogramas en Weimar Poetryfilm Award

Estamos moi felices de anunciar que a Premiere Internacional de Versogramas será nada menos que no Weimar Poetryfilm Award. Este ano o festival pon o foco na videopoesía Iberoamericana, adicándolle dous grandes eventos do seu programa.

En primeiro lugar, a apertura do festival (o venres 31 de maio no Lichthaus Cinema) consistirá na proxección de videopoemas de España e Latinoamérica, entre os que se atopan varias pezas completas de videopoetas integrantes de Versogramas: Eduardo Yagüe, Miriam Reyes e Yolanda Castaño.

Trala proxección haberá un debate centrado en cómo mellorar a visibilidade e condicións da videopoesía en Latinoamérica, no que participarán Timo Berger (Berlin), Luis José Galvis Diaz (Colombia) Sonja Hofmann (Colonia), Belén Montero (España), Celia Parra (España) e Cecilia Traslaviña (Colombia)

Como peche do Weimar Poetryfilm Award, o domingo 2 de xuño na ACC Gallery terá lugar a proxección de Versogramas, un documental dirixido por Belén Montero, codirixido por Juan Lesta. Para presentar o pase e establecer un coloquio posterior, estarán presentes a directora, Belén Montero, e a produtora executiva, Celia Parra.

Ambas integrantes do equipo de Versogramas terán unha participación importante no transcurso do festival. Belén Montero forma parte como especialista en videopoesía, xunto con Timo Berger e Sonja Hofmann, do xurado internacional que escollerá os videopoemas gañadores do concurso. A ceremonia de entrega de premios será o sábado 1 de xuño no Cinema Lichthaus. Abrirá o acto un recital audiovisual de Celia Parra, que recitará en galego (con subtítulos en inglés, grazas ás traducións de Patrick Loughnane) poemas do seu libro “Pantallas”, acompañada de videocreacións.

Coloquios sobre a cerna da videopoesía, debates sobre “o cinema da poesía” presentacións de proxectos de cooperación internacional adicados á creación videopoética e un bo feixe de proxeccións completan un coidadísimo programa que congregará a amantes da videopoesía en Weimar.