Back to Top
O libroDVD Versogramas (Editorial Galaxia) chega ás librarías

Estamos moi felices de anunciar que, nos vindeiros días, o libroDVD Versogramas irá chegando ás librarías, da man da Editorial Galaxia!

Trátase dunha coidada edición, enmarcada na colección Libro-Cinema da Editorial Galaxia. Contén diversos textos arredor de Versogramas: un achegamento ao proxecto transmedia dende a súa concepción ata o momento actual (por Celia Parra), unha reflexión sobre as interconexións de poesía e cinema (por Antía Otero),  un relato do proceso de creación do documental desde a perspectiva da directora (por Belén Montero) e un percorrido pola ampla traxectoria de Juan Lesta e Belén Montero (por Manolo González). Fotografías da rodaxe, do attrezzo e fragmentos do guión entretécense cos textos. Ademais, preséntase un breve perfil bio-bibliográfico dos e das videopoetas entrevistadas no documental. Completa a publicación, como non podía ser doutro xeito, o DVD co documental, na súa versión galega, acompañado de varios contidos adicionais.

Queremos agradecer a Francisco Castro que nos tendese a man, esa que agora suxeita o libro na fotografía. Formarmos parte da colección Libro-Cinema dunha editorial como Galaxia é todo un luxo para Versogramas.

Proximamente falarémosvos das datas de presentación. Mentres tanto, ide localizando a vosa libraría máis cercana!