Back to Top
A fora – Marc Capdevila

Esta semana traemos un videopoema do máis reflexivo e suxerente: “A FORA” (Fóra), unha colaboración entre o realizador Marc Capdevila, o pintor Tià Zanogera e o poeta Albert Balash.

“A fora” usa a técnica da animación 2D para dar vida a unha serie de acuarelas que evocan de forma maxistral a atmosfera do poema. O videopoema foi premiado en multitude de festivais especializados, coma o Ó Bhéal International Poetry-Film Competition (Irlanda), La parola immaginata (Italia), Zebra Poetry Film (Alemaña), Filmpoem (Escocia), entre outros. Deixaremos esta vez que sexan as palabras dos propios autores as que comenten o videopoema:

“A FORA (Fóra) é un texto do poeta Albert Balasch. Hai uns anos, Balasch iniciou unha serie de colaboracións co pintor Tià Zanogera. Froito deses encontros xurdiu a idea de adaptar o texto a cómic. E entón Zanoguera creou unha ampla serie de pinturas e debuxos que deron luz ó proxecto. Este cómic nunca chegou a rematarse, pero Marc Capdevila, realizador e montador, pensou na posibilidade de animar as páxinas e pinturas feitas ata entón. E así foise construíndo unha curtametraxe que pretende a convivencia da poesía, a pintura e a animación 2D.

O reto do proxecto era animar as pinturas e construír un universo suxerente e non narrativo. Como se anima unha pintura? Como se anima o trazo irrepetible ou o que ten de irreproducible un cadro? E tamén, como se pode ir máis alá da mera ilustración dun texto?

Zanoguera e Capdevila fotografiaron os cadros e traballáronos con ferramentas informáticas. Á súa vez, Balash reduciu o texto a un guión que buscaba a elipse. O resultado de todo isto é unha película que busca manter a textura dos cadros orixinais, a expresividade de cada pincelada e a forza da gama cromática. O resultado é, tamén, A FORA (Fóra), unha breve viaxe.”