Back to Top
O vídeo da egoísta – Yolanda Castaño

Esta semana rescatamos o traballo dunha das referentes da videopoesía en Galicia: Yolanda Castaño. Escritora, crítica literaria, tradutora, presentadora, mestra, dinamizadora cultural… Yolanda é unha das poetas máis relevantes do país, cunha ampla traxectoria recoñecida internacionalmente e publicacións traducidas a multitude de idiomas.

“O vídeo da egoísta” é un videopoema sobre textos do poemario “O libro da egoísta” (Galaxia, 2003). Nel reflexiona sobre a identidade, cuestiona en concreto a identidade propia, en palabras súas, “con autocrítica e desespero”. Tamén de 2003, O vídeo da egoísta é, despois das pezas de Antón Reixa, un dos primeiros exemplos de videopoesía en Galicia e en galego. Contén unha exploración da multiplicidade de personalidades de Yolanda a través de incansables pasos que semellan percorrer a súa traxectoria, ou ben o camiño cara si mesma. Tachar a cara, tapar a boca, borrar a maquillaxe, representan tamén ocultación e máscara. Tom Konyves (pioneiro no xénero e creador do Manifesto da Videopoesía) encadraría esta peza na categoría de “videopoema performático” pola presencia da propia Yolanda no vídeo. O uso agresivo da cor, que satura e distorsiona escenarios, subliña ese efecto onírico de deriva. A imaxe incide tamén na materialidade do texto (“a verba farase carne”): a palabra adquire corpo, ou ben escrita directamente sobre a pel, ou ben integrada como obxecto físico en accións, ou ben sobreimpresa en pantalla baixo múltiples efectos. Estamos ante un videopoema totalmente sensorial. A banda sonora cobra especial importancia na creación dunha atmosfera intranquila pero rotunda. Mesmo a cadencia do recitado, atravesado por efectos de distorsión e multiplicación, incide na idea da identidade diverxente e achega unha capa máis de estrañamento ó xa turbador ambiente do videopoema.

Aquí podedes ver unha reportaxe na que, ademais de abordar cuestións sobre “O libro da egoísta”, Yolanda achega a súa propia definición de videopoesía.