Back to Top
The mantis shrimp – Dave Richardson

The mantis shrimp, de Dave Richardson, é unha explosión de estímulos multisensoriais.

Lembramos escenas repletas de cores, lembramos xestos, lugares, obxectos, sons, olores. O recordo tamiza esas imaxes dunha luz particular. Unha luz que nunca reproduce a viveza orixinal do momento. Os humanos temos 3 conos receptores de luz: vermello, verde e azul. Unha bolboreta ten 8. Hai un crustáceo, o mantis shrimp, que ten 16 fotoreceptores nos ollos. Quen os tivera, aínda que só fose para poder apreciar as complexas variacións de cor dunha camisa amarela, unha lembranza do pasado.

Así fala o poema de Dave Richardson sobre a nostalxia e o desexo de abrazar a cor. Un desexo que se traduce nunha imaxe vibrante: texto sobreimpreso en imaxe, formas danzantes de cores, ilustración, fotografía, texturas, superposicións, animacións… e un ambiente sonoro no que domina unha voz enlatada no pasado, arrodeada de efectos sonoros. The mantis shrimp é un dos primeiros videopoemas que descubrimos, e a sensación de abraio aínda permanece.