Back to Top
El juicio adelantado – Víctor M Mozo & DSK

Hoxe o videopoema da semana é especial. Despois do seu recorrido por festivais, estreamos online en exclusiva “El juicio adelantado”, un videopoema documental dirixido por DSK (Belén Montero e Juan Lesta) sobre o poeta Víctor M Mozo.

“El juicio adelantado” foi proxectado na Mostra de Cinema Periférico S8 (A Coruña, 2015) e foi finalista a mellor película experimental nos premios CREA da Asociación de Realizadores e Directores de Galicia (Santiago de Compostela, 2016). Ademais, a súa premiere internacional realizouse na canle ACRE TV (Illinois, Chicago 2016), unha canle exclusivamente adicada á videoarte xurdida grazas á Andy Warhol Foundation for the Visual Arts.

“Un home, un lugar, unha decisión, a historia. Un poeta e a súa poesía. A autobiografía de Víctor M Mozo en clave de videopoesía a través das catro estacións. A película amosa a flora e fauna dos lugares conectados coa súa familia e o seu pasado”.

Así arrinca a presentación deste xuízo adiantado rodado por Juan Lesta e Belén Montero. A sensibilidade de ambos, xunto á música de David Rivas Domínguez, mergúllannos nun baile de sensacións, onde as reflexións sobre o tempo, a imaxe, a escrita, a lembranza, os soños, a paisaxe e a nenez flúen acompasados cos poemas de Víctor M Mozo. É o propio poeta quen aparece en escena personificando o efecto que nel causan as súas palabras, recitando e disertando sobre os seus textos. A coidadísima estética das imaxes e a suxerente banda sonora dotan ao videopoema dunha atmosfera delicada e sensorial.

Esta non é a primeira incursión de Belén Montero e Juan Lesta no xénero da videopoesía. Xuntos teñen elaborado videopoemas para outrxs poetas, encargos para museos e proxectos en colaboración. Un resumo dos seus traballos de videopoesía pode consultarse aquí. Actualmente están a cargo de Versogramas, o que será o primeiro documental no mundo sobre o panorama internacional da videopoesía.

dirección: DSK (Belén Montero & Juan Lesta)
guión orixinal / poesía: Víctor M Mozo // guión adaptado e produción: Belén Montero // imaxe: Juan Lesta // postprodución, animación: Juan Lesta // música orixinal: David Rivas Domínguez // postprodución de son: Son do Tagalem // unha produción de: Víctor M Mozo / Esferobite © 2015 // esferobite.com // victormmozo.es