Back to Top
Dictionary Illustrations – Marie Craven

Dictionary Illustrations é un divertido e rítmico videopoema de Marie Craven.

Unha rareza entre os habituais videopoemas en formato vídeo, este videopoema animado a partir de ilustracións de enciclopedia nútrese da estética gif. Resulta precisamente moi interesante esa mestura de fondo antigo e forma contemporánea: unha montaxe rítmica e picada, unha música sinxela baseada no loop, un xogo de tipografía recortada sobre fondo en movemento, un uso hipnótico do habitual estatismo dos debuxos cuxa función única é informar.

Dictionary Illustrations nace do xa desaparecido proxecto PoetryStorehouse, unha base de datos estadounidense de poemas, e audios recitados que animaba ó remix e uso libre, principalmente para crear videopoemas.

O poema de Sara Sloath é unha porta aberta á curiosidade: por que os diccionarios non teñen debuxo para os verbos, por que os trazos, por que é tan difícil definir a forma dunha folla… A voz do neno que recita transmite unha inocencia que, xunto co carácter minucioso da música, resalta o conxunto.

Dictionary Illustrations foi o gañador desta última edición do O’Bheal International Poetry-Film Competition.