Back to Top
Desprendimiento – Lola López-Cózar

Lola López-Cózar desenvolve en Desprendimiento un curto pero intenso exercicio poético.

Lola López-Cózar é unha creadora multidisciplinar granadina. Publica o seu traballo en diferentes revistas, en poemarios propios e como ilustradora de diferentes libros. Premiada en varias ocasións como videoartista, os seus traballos de vídeo, poesía e fotografía percorreron festivais, programas, seminarios e exposicións de España, Estados Unidos, México, Venezuela, Portugal, Cuba, Italia, República Dominicana, Arxentina e China. Para a maioría dos videopoemas acuña o termo “grafopoema”.

Desprendimiento amosa un exercicio léxico e de montaxe. Un estudio sobre a acción e a non acción materializado no prefixo “des-“. Segundo a RAE, este prefixo expresa negación ou inversión da acción, significado ou estado precedente, privación, exceso, inconveniencia, rotura. Mentres unha voz telefónica recita palabras que comezan por dito prefixo, concatenando significados, en imaxe asistimos á metáfora perfecta: unha man desescribindo o escrito, pintando baleiro sobre palabras todas empezadas por des-. De forma reiterativa, unha soa condensa a expresividade do texto: demoler.