Back to Top
Asco – Miriam Reyes

Esta semana presentámosvos “Asco”, de Miriam Reyes. O poema pertence ó seu libro “Bella durmiente”, publicado en 2004 por Hiperión Ediciones.

“Asco” é un videopoema desgarrador, cunha atmosfera sensorial moi coidada que consegue espertar tensión e angustia. O texto fala da súbita perda da inocencia por mor unha prematura iniciación sexual, ligada á vivencia dunha situación desagradable que custa superar. Todos os amantes espertan dende ese momento unha sensación de noxo e indefensión. A imaxe arrástranos ó terreo da metáfora: o corpo desnudo e decapitado dunha boneca, o seu vestido, remiten a unha inocencia afogada e rota. Hai unha grande presencia do elemento líquido: un fluido viscoso e sucio que inspira a náusea, representante perfecto do noxo; o sangue deslizándose entre a suciedade, metáfora da experiencia sexual traumática ou quizais mesmo violación á que fai referencia o poema; a música fluindo nun continuum de carácter minimalista e inquietante. O videopoema alude a ese estancamento na dor dunha experiencia traumática e remata aberto á esperanza: o proceso de cicatrización permite pechar a ferida e tirar polo desaugadoiro aquilo que nos remove. O noxo.

Con este videopoema queremos sumarnos ás reivindicacións do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, establecido o 25 de novembro. Sexa desde a palabra, desde a acción, desde a educación, desde todo ámbito posible é necesario traballar para acabar con esta lacra. Non só hoxe, senón todos os días do ano.